O PP esixe e Inés Rey melloras no complexo deportivo de San Diego

ACoruñaXa
Entre as queixas recollidas figuran problemas de insalubridade en vestiarios e duchas, deficiencias de seguridade, maquinaria estragada e necesidade de reparacións
reunion pp usuarios san diego
14 Jul 2025

O Partido Popular insta o goberno de Inés Rey a que atenda de forma urxente as queixas dos máis de 400 usuarios do complexo deportivo de San Diego que, o pasado venres, presentaron por rexistro un escrito dirixido á alcaldesa e ao concelleiro de Deportes no que denuncian o estado de abandono das instalacións.

Son os propios usuarios quen, fartos do deixamento municipal, decidiron dar un paso á fronte e trasladar formalmente as súas reclamacións ao Concello. Entre as queixas recollidas figuran problemas de insalubridade en vestiarios e duchas, deficiencias de seguridade, maquinaria estragada e sen reparar, pingueiras en corredores, redución do número e a frecuencia de actividades, e falta de monitores que asesoren na práctica deportiva.

Hai uns días, o portavoz do PP, Miguel Lorenzo, reuniuse cun grupo de usuarias do complexo —acompañado dos concelleiros Roberto García e María Jesús Fariñas— para escoitar as súas demandas e comprobar persoalmente a deterioración do centro. “O que nos contan é unha situación insostible, con falta de mantemento, problemas de hixiene e un claro deixamento por parte do goberno local”, engadiu.

Desde o Partido Popular instamos o goberno municipal a actuar de inmediato, poñendo en marcha as melloras necesarias para garantir un servizo público de calidade. “Falamos dun espazo deportivo que usan a diario centos de persoas e que leva anos sen recibir a atención que merece”, sinalou Lorenzo.

O PP lembra ademais que esta situación non é nova. Outro grupo de usuarios xa presentou hai un ano varias queixas á Valedora do Pobo e acudiu ao Pleno municipal a través do Escano Cidadán, sen que o goberno local haxa adoptado medida algunha. “O máis grave é que, a día de hoxe, ningún representante municipal púxose en contacto cos usuarios para dar resposta ás súas reclamacións”, lamentan os populares.

“O abandono do complexo deportivo de San Diego é un exemplo máis do desprezo do goberno local cara aos barrios e cara aos servizos municipais que máis necesita a cidadanía”, conclúe o portavoz popular.

⚙ Configurar cookies
0.16324305534363