O PP denuncia en Culleredo un 'apagón de Nadal' pola falta de previsión no alumado

O Partido Popular de Culleredo acusa ao goberno local que preside José Ramón Rioboo de 'falta absoluta de previsión e xestión' pola ausencia, a estas alturas de mes, de iluminación de Nadal nas rúas e prazas do municipio.
A formación popular asegura que se está a xerar un forte malestar veciñal por este 'apagón de Nadal', con numerosas queixas na rúa e nas redes sociais preguntando que está a ocorrer e por que Culleredo continúa ás escuras mentres a maioría dos concellos da contorna acenderon as súas luces hai xa días ou semanas.
Segundo subliña o PP, o problema non é casual: 'Rioboo chega tarde, outra vez', afirma a portavoz popular, Izaskun García. Lembran que o contrato municipal para o alugueiro e instalación do alumado decorativo segue en fase de licitación e que o prazo de presentación de ofertas non remata até mañá, 11 de decembro. Neste contexto, critican que o Concello aínda non fixara unha data oficial para o acendido. 'Non pedimos ser Vigo; pedimos xestión e planificación para que o ambiente de Nadal chegue a tempo tamén a Culleredo', insiste García.
O PP incide no agravio comparativo co resto da área: A Coruña acendeu o alumado o 28 de novembro; Betanzos, o 29; Oleiros, o 1 de decembro; e Arteixo e Sada, o 5. 'Aquí, en cambio, seguimos sen rastro de luces: só rúas ás escuras. E iso afecta ao comercio, á hostalaría e ao ambiente xeral no municipio', engade a portavoz.
Desde o grupo popular tamén denuncian que se estaría trasladando información confusa ás persoas que chaman ao Concello para preguntar polas luces: 'Díselles que están a piques de colocarse, cando nin sequera se adxudicou o servizo', afirman. Ademais, lembran que o ano pasado, malia pechar antes a licitación (o 26 de novembro), a formalización do contrato non chegou até o 11 de decembro. 'Se este ano se repiten prazos parecidos, imos camiño de chegar ás vésperas de Noiteboa sen luces', advirte García.
O PP enfatiza que a situación é especialmente grave nas parroquias rurais: 'As actividades de Nadal concéntranse nas zonas urbanas, pero en moitas parroquias a chegada destas datas nótase sobre todo cando se acende o alumeado das rúas. Este ano, sen alumado municipal, o único que brilla é o que poñen os veciños nas súas casas', lamenta.
Por último, os populares critican o que consideran unha 'contradición' do executivo local: mentres o alcalde e membros do seu equipo acudiron ao acendido das luces de Nadal de Coruña The Style Outlets o pasado 14 de novembro, Culleredo continúa semanas despois sen iluminación municipal de Nadal. 'Non é un erro puntual: é a forma de gobernar deste alcalde. Con Rioboo, Culleredo está sempre ás escuras: cero previsión e cero solucións', conclúe a portavoz do PP, Izaskun García. Trátase dunha valoración remitida polos populares cullerdenses.