O PP de Sada propón unha normativa para clarificar o acompañamento de menores na piscina municipal

ACoruñaXa
Os populares rexistraron no Concello un modelo de regras inspirado nunha instrución educativa da Xunta, nun momento no que o recente cambio de criterio na instalación segue xerando queixas entre as persoas usuarias
SADA piscina municipal
5 Mar 2026

O grupo municipal do Partido Popular de Sada deu un paso máis na polémica arredor do uso da piscina municipal e presentou no rexistro do Concello unha proposta de normativa para ordenar o funcionamento da instalación, sobre todo no que atinxe á custodia dos menores antes e despois das sesións de natación con monitor.

A iniciativa chega poucos días despois de que entrase en vigor un novo criterio que estende a obriga de acompañamento para menores de 14 anos a toda a instalación, tamén aos vestiarios. O goberno local recoñeceu que a medida está a provocar problemas na rutina diaria do servizo e anunciou que busca unha alternativa que manteña a intimidade dos menores e sexa viable no espazo dispoñible.

Segundo explica o PP, o texto que propoñen toma como referencia a Instrución conxunta 9/2017 da administración educativa galega sobre a saída e recollida do alumnado, co obxectivo de trasladar ao ámbito deportivo recomendacións claras sobre responsabilidades e corresponsabilidade. A idea, sinalan, é interpretar con flexibilidade os tempos previos e posteriores á actividade no vaso da piscina e deixar por escrito pautas para evitar baleiros na supervisión cando se trata de usuarios máis pequenos ou con necesidades específicas.

Entre as medidas que defenden está a revisión do límite de idade que marca o acompañamento, coa posibilidade de axustalo (por exemplo, aos 10 anos) seguindo o espírito desa instrución, e a opción de permitir entradas e saídas sen adulto só cando exista unha autorización expresa da nai, pai ou titor. O PP achega tamén modelos dese permiso. Ademais, a súa portavoz, Esperanza Arias, insiste en que a proposta ten ‘ánimo construtivo’ e que pretende ‘racionalizar o uso da piscina e das dependencias sen crear incomodidades a ninguén’.

Os populares engaden outra reclamación ao debate: denuncian a ausencia dun plan de emerxencia e a falta dun plano visible para unha posible evacuación da piscina municipal, un punto que tamén piden incorporar ás garantías de seguridade da instalación.

0.12600898742676