O PP de Sada propón a realización dun simulacro antes de apoiar a renaturalización do río Maior

O Partido Popular de Sada solicitou ao alcalde, Benito Portela, unha reunión para acordar os termos dun simulacro relacionado co proxecto de renaturalización do río Maior, unha medida que condiciona o seu apoio a esta actuación promovida por Augas de Galicia.
A portavoz do grupo municipal popular, Esperanza Arias Ferreiro, trasladou ao rexedor a necesidade de realizar probas previas que permitan avaliar os posibles inconvenientes dos cambios contemplados no proxecto. "Participamos e cremos no acerto do plantexamento de Augas de Galicia, pero consideramos prudente levar a cabo simulacións que nos axuden a prever o impacto real das modificacións", explicou Arias.
O PP defende que só despois de analizar os resultados destas probas se poderá avanzar nunha solución efectiva para a redución do risco de inundacións en Sada.