O PP de Sada pedirá explicacións pola “actitude intolerable” dun funcionario vinculado ao BNG

O Grupo Municipal Popular de Sada esixirá ao Goberno local explicacións sobre o comportamento dun funcionario que, segundo denuncian, empregou as dependencias municipais para criticar a actividade da oposición. O traballador en cuestión, que tamén exerce como responsable do BNG no concello veciño de Oleiros, é acusado polos populares de utilizar o seu posto “para atacar aos grupos políticos da corporación”.
Os populares cualifican de “intolerable” que un funcionario “se dedique a utilizar as instalacións municipais para criticar a actividade dos Grupos Políticos da corporación”. A formación tamén censura a reacción do voceiro local e concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, ao que acusan de apoiar publicamente a actuación do funcionario a través das redes sociais.
“Desde logo, ningún dos dous sabe nin onde está, nin a onde vai, nin que é un concello e non respectan nada nin a ninguén”, afirmou Esperanza Arias, voceira do Grupo Popular, que anunciou que solicitarán a intervención do alcalde, a apertura dun expediente disciplinario e a reprobación formal da actitude do edil nacionalista no próximo pleno ordinario.
Para os populares, “de todo o mundo é coñecido, porque ademais é de sentido común, que as dependencias municipais son comúns a todos os cidadáns e todos os grupos políticos e ninguén as pode converter en sede electoral da súa formación”. Ademais, lembran que “os funcionarios deben ser exquisitos e especialmente respectuosos con todos os concelleiros e grupos políticos que exercen a súa actividade no concello”.
O Grupo Municipal Popular advirte que este tipo de condutas “rabuñan as bases da convivencia democrática” e considera que deben ser atalladas “con contundencia para preservar a neutralidade e o respecto institucional no ámbito municipal”.