O PP de Sada esixe un simulacro antes de aprobar as obras contra as inundacións

O Partido Popular de Sada apoiará as melloras estruturais destinadas a reducir o risco de inundación, sempre que se realice previamente un simulacro que permita visualizar e avaliar o impacto urbanístico e social da actuación, e que se adopten as medidas oportunas en consecuencia.
Este simulacro debería permitir a reorganización do tráfico, do desprazamento peonil, dos aparcadoiros, garaxes, comercios afectados, paradas de autobús escolar e do feirón, entre outros aspectos clave para a veciñanza.
Os populares lembran que en febreiro de 2022 se aprobou por acordo plenario a realización deste simulacro. Ademais, meses máis tarde presentaron unha moción, que foi aprobada, instando de novo ao Goberno local a levar a cabo a simulación antes de finalizar o proxecto.
Indican que tras non recibir financiamento da Deputación para o proxecto, a Xunta de Galicia comprometeuse a achegar o 50% do orzamento, mentres que o Concello de Sada asumiría o outro 50 %, sumando un total de máis de sete millóns de euros.
“Algo terán que dicir os nosos veciños sobre un proxecto de tal envergadura e calado social”, sinalou a portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Verónica Arias. “Os veciños deben coñecer toda a información de primeira man e ser escoitados”, engadiu.
Trasladan que o pasado xoves, o goberno do alcalde Benito Portela elevou a pleno a solicitude de cambio de titularidade dun tramo de estrada da Deputación a favor do Concello de Sada, necesario para a execución do proxecto de destapar o río Maior. Porén, non se levou a debate nin o convenio nin o simulacro, ambos aspectos directamente vinculados a esta iniciativa.
Ante a pregunta sobre por que en tres anos non se ten realizado o simulacro, a resposta do alcalde foi a dificultade de levalo a cabo e a existencia dun informe sobre o tráfico que, segundo os populares, non recolle días e franxas horarias clave, como os sábados durante o feirón. “Se a simulación xa lles parece complicada, imaxinen a realidade”, ironizou Arias.
O Partido Popular expresou a súa desconfianza na xestión deste goberno, baseándose no historial de proxectos fallidos, inacabados ou mal executados, e denunciou que continúa incumprindo os acordos plenarios.
“Aínda que ao alcalde lle dea igual este e calquera outro acordo plenario, para que haxa renaturalización do río Maior é condición sine qua non que se realice o simulacro”, subliñou Arias. “Este é un proxecto de Augas de Galicia, un organismo dirixido polo Partido Popular, no que confiamos e que cremos que pode funcionar, pero reiteramos: sen simulacro que permita comprobar se existen problemas graves, non haberá aprobación por parte do Pleno de convenio, acordo, recomendación, contrato, declaración de intencións nin ningunha proposta relacionada con este asunto”, concluíu Arias.