O PP de Oleiros insta ao Ministerio a axilizar a cesión dos terreos do porto de Santa Cruz

A portavoz do Partido Popular de Oleiros, Loli Silva, fixo pública a vontade da súa formación de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ceda "canto antes" ao Concello os terreos do porto de Santa Cruz, co obxectivo de que o Goberno local poida actuar neste ámbito urbano e potenciar "o paseo marítimo e o areal de Santa Cruz como un espazo emblemático e referente no noso municipio".
Silva lembrou que a Xunta de Galicia xa remitiu, no mes de maio, a través dos servizos de Costas do Estado dependentes do Ministerio, os acordos de reversión baseados na declaración de innecesariedade. Estes acordos, segundo indicou, foron "consensuados con todos os alcaldes e en base a criterios técnicos previamente acordados coa FEGAMP na reunión do 26 de novembro".
Deste xeito, segundo indicou a portavoz popular, "coa remisión ao goberno central deste acordo, a Xunta de Galicia rematou os trámites da súa competencia". A partir de agora, engadiu, "esperamos que o Ministerio non dilate a cesión no tempo e esixiremos ao Concello que faga todas as xestións necesarias para poñer a disposición dos oleirenses canto antes este espazo".
Ademais, Silva avanzou que desde o PP volverán solicitar que se leven a cabo as actuacións necesarias para que a praia urbana de Santa Cruz poida optar ao distintivo de Bandeira Azul.