O PP de Oleiros esixe localizar e deter as verteduras contaminantes na praia de Santa Cruz

ACoruñaXa
O Grupo Municipal Popular sinala ás carencias da rede de saneamento e abastecemento de auga no municipio
pp-oleiros
15 Jun 2025

O PP de Oleiros traslada que nos últimos días detectouse un novo episodio de contaminación na praia de Santa Cruz que volve poñer de manifesto as carencias da rede de saneamento e abastecemento de auga no municipio. Dolores Silva, portavoz do Grupo Municipal Popular, manifestou a súa “indignación” e reclamou que “hai que localizar inmediatamente o orixe destes vertidos e ao responsable dos mesmos e cortalos”.

Segundo o PP, estas filtracións teñen a súa orixe nas múltiples deficiencias dunha rede de alcantarillado que, segundo denuncian, leva anos sen recibir investimentos máis aló de parcheos puntuais. “Son moitas as veces que estas redes rebentan por algún motivo e nalgúns casos sen que tan sequera se detecte”, apuntou Silva.

A formación popular responsabiliza directamente a estas deficiencias da contaminación por coliformes fecais detectada na praia, pois “existen filtracións da rede de saneamento que acaban chegando á enseada, a través do río ou directamente por filtración do terreo, e que, dependendo da axitación e movemento da auga do mar, elevan os niveis de concentración de coliformes ata facer inviable o baño”.

Dolores Silva tamén aproveitou para criticar a xestión do alcalde García Seoane, asegurando que este “segue gastando o diñeiro de todos os oleirenses naquelas obras que lle dan visibilidade á súa actuación, como o Auditorio de Bastiagueiro, mentres que naquelas que non se ven, como estas infraestruturas que van enterradas, non inviste case partida algunha”. Para a portavoz do PP, isto é unha mostra do chamado “ecopostureo” do rexidor, xa que “ten moi pouco que ver estes vertidos coas boas prácticas desexables en alguén que se autodefine como ecoloxista”.

Silva concluíu advertindo que “esta maneira de facer e de entender a política municipal que lle levou a perpetuarse no goberno está a causar gravísimos danos á imaxe do municipio, ademais de deixar para o futuro enormes investimentos que tarde ou cedo haberá que facer”.

⚙ Configurar cookies
0.12835788726807