O PP de Oleiros denuncia a ausencia dun plan de emerxencia municipal

O PP de Oleiros traslada que as intensas choivas rexistradas levaron á Xunta de Galicia a activar o Plan Inungal. Indica que Oleiros non quedou alleo ás consecuencias deste temporal, con episodios de inundacións en puntos como Mera ou Santa Cruz (zona de Bartolomé de las Casas), entre outros. Entre as causas dos desbordamentos, destacan as habituais no Concello de Oleiros: cañerías saturadas, sen limpeza nin mantemento axeitado, un incremento continuo de solo impermeable debido á construción sen tregua sobre terreos filtrantes, así como regatos canalizados e ribeiras sen limpar. En definitiva, todos os factores que favorecen a inundación de garaxes, baixos e vivendas.
A través do Plan Inungal, establécese un marco de coordinación dos servizos de emerxencia para reducir riscos e minimizar as consecuencias das inundacións. Ademais, consideran os populares, este plan ofrece apoio aos concellos na elaboración ou actualización dos seus plans de emerxencia, materializándose nun manual de resposta fronte a inundacións denominado Plan de Emerxencia Municipal (PEMU). Cada PEMU debe ser revisado e homologado pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior antes de ser aprobado polo Pleno do concello correspondente.
No caso de Oleiros, segundo os datos dispoñibles polo Partido Popular, o PEMU é de carácter "obrigatorio", pero na actualidade este plan non existe. Esta situación, con todo, sinalan, non é unha excepción na contorna, xa que só Bergondo conta cun plan aprobado desde 2017, mentres que Cambre está á espera de homologación e aprobación do seu.
A portavoz municipal do Partido Popular, Loli Silva, manifestou ao respecto que "non podemos esquecer a neglixencia que supón que o Concello de Oleiros faga caso omiso á súa obriga de contar cun PEMU propio". Desde o grupo municipal do PP solicitaranse explicacións sobre a fase na que se atopa actualmente o plan e os motivos polos que aínda non foi aprobado nin implementado. "Os veciños de Oleiros precisamos que o alcalde tome en serio, dunha vez por todas, a seguridade dos oleirenses. E en materia de seguridade, toda precaución é pouca", concluíu Silva.