O PP de Oleiros demanda explicacións sobre o proceso de tratamento do lixo en Nostián

O PP de Oleiros denuncia que, tras máis de vinte anos nos que se fomentou a reciclaxe entre a poboación, agora descóbrese que o 80 % do lixo acaba no vertedoiro. Asegura que do 20 % restante, excluíndo papel, vidro e cartón, cuxa reciclaxe depende directamente da cidadanía, practicamente nada se recicla.
O grupo popular traslada que, vinte anos de esforzo dos veciños para separar residuos e cumprir coas normativas ambientais, cun alto custo económico para os concellos e os contribuíntes, para que finalmente todo ese traballo sexa inútil e o lixo acabe mesturado no vertedoiro. O PP de Oleiros considera que esta situación é "un auténtico escándalo" e que a responsabilidade de quen permitiu este desastre —ben por acción, ben por omisión— podería ser mesmo delitiva.
Segundo os populares, a historia de Nostián podería resumirse en tres presuntas figuras penais: xestión fraudulenta, estafa e delitos contra o medio ambiente. O que no seu día foi presentado como un proxecto "estrela" acabou sendo "un fracaso absoluto".
O máis grave, segundo o PP de Oleiros, é que os responsables políticos non só non esixen responsabilidades nin compensacións, senón que lle conceden á mesma empresa condenada un novo contrato. Este acordo, segundo afirman, asinouse fóra de prazo, o que, segundo os populares, permitiu que a concesionaria se aforrase importantes cantidades de diñeiro pola prescrición dos feitos. Ademais, na parte da débeda que aínda non prescribiu, concedéronlle rebaixas por pronto pago.
O PP de Oleiros considera "inexplicable" que o Concello de Oleiros, como administrador do Consorcio e responsable de garantir a legalidade do proceso, avalase favorablemente esta situación. Tampouco comprende por que os alcaldes e alcaldesas da área metropolitana se negan a dar explicacións e optan por remitir calquera pregunta ao Consorcio, mantendo un "silencio cómplice".
Ante esta situación, o PP de Oleiros solicitou unha visita ás instalacións de Nostián para obter explicacións sobre o proceso de tratamento do lixo e o incumprimento dos obxectivos de reciclaxe. Ademais, non descartan remitir toda a documentación dispoñible á Fiscalía e solicitar unha investigación sobre un posible delito ambiental continuado, que estaría afectando a centos de miles de cidadáns.