O PP de Oleiros comprométese a baixar os impostos en 2027 criticando o gasto do goberno local

ACoruñaXa
A formación popular censura o sobrecusto do Auditorio de Bastiagueiro e propón recortes en propaganda e asesores para evitar a presión fiscal aos veciños
Imaxe das obras do Multiusos de Bastiagueiro
17 Out 2024

O Partido Popular de Oleiros manifestou o seu rexeitamento á subida xeral de impostos anunciada polo alcalde, Ángel García Seoane, para 2025. A portavoz do grupo municipal popular, Loli Silva, denunciou que non existe xustificación algunha para este incremento, salvo a necesidade de cubrir o sobrecusto das obras do Auditorio-Mausoleo de Bastiagueiro, cuxo orzamento aumentou un 50% debido a erros na cimentación.

"Esta obra, como xa denunciamos, é para a pompa e ostentación do alcalde cando o que realmente precisamos son pavillóns deportivos distribuídos polo territorio, de menor custo e que resolvan a saturación actual", sinalou Silva. "En 2027 resolveremos este asunto."

A portavoz tamén criticou o gasto de 500.000 euros anuais en medios de comunicación municipais e publicidade. Segundo Silva, estes recursos, xunto coa supresión das dedicacións exclusivas e asesores, poderían evitar a subida impositiva. "A radio municipal, o Vivir en Oleiros e outros medios ao servizo do alcalde custan un prezo elevado a todos os oleirenses", lamentou Silva.

0.15771293640137