O PP de Oleiros acusa a García Seoane de buscar "chivos expiatorios" ante os actos vandálicos

ACoruñaXa
O grupo popular lamenta que a situación do mantemento urbano sexa cada vez máis precaria
oleiros-vandalismo
12 Jun 2025

O Partido Popular de Oleiros carga contra o alcalde Ángel García Seoane tras as súas recentes declaracións nas que denunciaba a aparición de actos vandálicos no municipio, especialmente en espazos públicos e elementos de mobiliario urbano.

Desde o PP critican que, en lugar de asumir responsabilidades, o rexedor “volva esconderse baixo o recurso de buscar sempre culpables: cando non se trata doutras administracións (Xunta de Galicia, Goberno central…), ocórrenselle cousas tan rocambolescas como culpar aos veciños de Sada…”. Ao seu xuízo, “o importante para Gelo é dispor sempre dun chivo expiatorio baixo o que esconder as súas propias vergonzas”.

Os populares lamentan que a situación do mantemento urbano sexa cada vez máis precaria e afirman que “ese feito é tan certo e tan vello –ninguén o discute a estas alturas– como que o mantemento neste concello é un ben prezado que adoita brillar pola súa ausencia”.

A portavoz municipal do PP, Loli Silva, expresou que “desde o Partido Popular condenamos os actos vandálicos de calquera natureza, pero queremos denunciar a actitude do que se excusa detrás do vandalismo para tratar de xustificar a súa nula capacidade para conservar e manter o que é de todos no estado que os oleirenses merecemos”.

Silva foi aínda máis alá ao poñer en dúbida a responsabilidade institucional fronte aos danos materiais: “Chegados a este punto, cabería preguntarse quen é máis vándalo: se o que destrúe mobiliario urbano ou quen permite que se deteriore ata o punto de converter os nosos espazos públicos nun perigo constante. Neste momento, algo tan cotián como apoiarse nunha varanda dun parque ou sentarse nun banco pódense cualificar en Oleiros como actividades de risco, tendo en conta a falta de mantemento por parte do concello. A ver a quen bota a culpa García Seoane cando se produza unha desgraza persoal…”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.21323204040527