O PP de Culleredo sinala que o proxecto da rehabilitación da Torre de Celas é do 2017
O grupo municipal do Partido Popular de Culleredo considera que o alcalde, José Ramón Rioboo, "querer enganar aos veciños sacando do caixón do esquecemento o proxecto de rehabilitación da Torre de Celas, que data do ano 2017".
No pleno celebrado, no que os populares defenderon unha moción para a recuperación da Torre, o alcalde "admitiu que xa existía un proxecto para este fin, remitido a Patrimonio a finais do 2017. En pouco máis dun mes recibiu o visto bo da Xunta e, desde entón, quedou gardado nun caixón. Perderonse máis de oito anos sen que se fixese nada de nada", asegurou o concelleiro popular responsábel da moción, José Antonio Golpe Faraldo.
Os populares denuncian que este dato foi "obviado" nas notas de prensa enviadas polo Concello despois de facerse pública a súa moción. "Fixeron crer aos veciños que o proxecto era recente, cando en realidade levaba esquecido dende 2017. É unha absoluta falta de respecto para os veciños de Culleredo en xeral e para os de Celas en particular", afirmou o edil popular.
Golpe Faraldo considera que o proxecto orixinal "xa quedou totalmente desfasado". No pleno, o alcalde sinalou que "bastaba con actualizar os prezos", pero os populares aseguran que "nestes oito anos de inactividade, o deterioro da Torre incrementouse e agora é necesario elaborar un novo proxecto, xa que o anterior xa non serve".
Durante o debate plenario, os populares esixiron explicacións sobre "como un goberno con catro anos de maioría absoluta, co visto bo de Patrimonio e con todo ao seu favor, deixou morrer a posibilidade de rehabilitar a Torre e a súa contorna". Para o PP de Culleredo, esta situación é "inxustificable" e un claro exemplo da "desidia dun alcalde ausente, cuxa incompetencia está a deixar a Culleredo nunha situación preocupante de abandono".