O PP de Culleredo reivindica avances en mobilidade fronte á “inacción” do Goberno local

O Partido Popular de Culleredo acusa ao alcalde, José Ramón Rioboo, de falta de iniciativa para mellorar o transporte público no municipio e reivindica como propios os avances recentes na materia. A crítica prodúcese tras a reunión da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano celebrada este martes, coa presenza da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na que participaron representantes de 16 concellos da área coruñesa, entre eles Culleredo.
Desde o PP local lembran que o encontro foi promovido polos concellos da Coruña e Oleiros, non por iniciativa do executivo de Rioboo, e lamentan que “unha vez máis demostra a súa ausencia total de traballo para conseguir avances reais en mobilidade e transporte público”.
A portavoz popular, Izaskun García, destaca que “o alcalde se suma agora ás reivindicacións, cando o PP leva meses traballando sobre o terreo, reuníndose con veciños e trasladando as súas demandas ás administracións con capacidade real de actuar”.
Como mostra desa labor, sinalan que o mes pasado representantes do PP de Culleredo e veciños das urbanizacións Vallesur-Los Olivos, na parroquia de Orro, mantiveron unha reunión coa directora territorial da Consellería de Presidencia, Mar Ferreiro. Alí solicitaron a creación dunha nova parada con dúas frecuencias na liña Canzobre-A Coruña, así como a revisión dos horarios da liña 24 para adaptalos mellor ás necesidades da zona. Segundo apuntan, ambas peticións xa están sobre a mesa da Xunta e da Compañía de Tranvías.
Ademais, os populares aseguran ter conseguido o compromiso do alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, para habilitar unha nova estrada na urbanización Montegolf, dentro da segunda fase de desenvolvemento deste núcleo, que permitiría acurtar o percorrido da liña 24 e facilitaría a implantación dunha nova parada que beneficiaría directamente a Vallesur-Los Olivos. A obra está prevista para principios de 2026.
“Con diálogo e vontade, entre administracións pódense lograr avances reais. Mentres o alcalde se limita a asistir a reunións ás que está obrigado por compromiso, nós escoitamos aos veciños, actuamos con responsabilidade e conseguimos resultados”, conclúe García.