O PP de Culleredo pide a recuperación integral da senda etnográfica do Rego das Xesteiras

O Partido Popular de Culleredo levará ao próximo Pleno municipal unha moción para a recuperación integral da senda etnográfica do Rego das Xesteiras, un enclave de gran valor natural e histórico que, segundo denuncia o concelleiro popular José Antonio Golpe Faraldo, "sofre un estado de abandono absoluto por parte do actual goberno local".
A proposta inclúe a rehabilitación do trazado orixinal, a restauración dos muíños históricos, a mellora da accesibilidade e a promoción de rutas de sendeirismo en conexión co Monte Xalo. O obxectivo é fomentar o turismo activo e poñer en valor o patrimonio etnográfico do municipio. Ademais, tamén se propón a edición de material bibliográfico para divulgar a riqueza patrimonial de Celas e Castelo.
“Hablamos dun tesouro natural e cultural completamente esquecido polo Concello. Cun mantemento axeitado, esta senda podería converterse nun referente turístico e educativo, en lugar de ser outro exemplo máis de deixadez municipal”, afirma Golpe Faraldo.
Outro dos puntos clave da moción é a integración do Rego das Xesteiras na educación dos escolares do municipio. No pasado, os centros educativos realizaban visitas á senda para coñecer de preto o funcionamento dos muíños hidráulicos e a importancia do pan na historia socioeconómica de Galicia.
“É fundamental que as novas xeracións comprendan o esforzo que supuña, non hai tanto tempo, levar un simple bolo de pan á mesa. Recuperar estas visitas escolares non só reforza a educación en valores, senón que tamén fomenta o respecto polo noso patrimonio e medio ambiente”, engade o concelleiro popular.
Con esta moción, o PP reclama que o goberno local asuma a súa responsabilidade e tome medidas concretas para devolver ao Rego das Xesteiras e ao Monte Xalo o lugar que lles corresponde dentro do patrimonio natural e cultural de Culleredo.