O PP de Culleredo organiza unha charla para informar sobre as axudas da Xunta en vivenda

ACoruñaXa
Contará coa presenza da da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue
Cartel-VIVENDA
19 Feb 2025

O Partido Popular de Culleredo convoca a todos os veciños interesados en coñecer as axudas que a Xunta de Galicia ofrece para a compra e o alugueiro de vivenda a participar nunha charla informativa que se celebrará o vindeiro xoves 20 de febreiro, ás 20.00 horas, no edificio de Servizos Múltiples de O Burgo.

O evento contará coa participación da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen explicará en detalle as diferentes subvencións e programas de apoio que o Goberno galego pon a disposición da cidadanía para facilitar o acceso á vivenda. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de expor directamente as súas dúbidas e consultas.

A portavoz e líder do PP de Culleredo, Izaskun García, destacou a importancia desta reunión: “Decidimos organizar este encontro informativo sobre vivenda por razóns obvias: o problema para comprar ou alugar unha vivenda agravouse nos últimos anos. Independizarse converteuse en algo case imposible para a mocidade”, sinalou.

García subliñou que o acceso á vivenda é unha das principais preocupacións dos veciños do municipio e que resulta fundamental dar a coñecer as ferramentas que a Xunta pon a disposición das familias e dos mozos para afrontar esta problemática. “É importante que a cidadanía coñeza todas as opcións de axuda e asesoramento que existen para poder acceder a unha vivenda digna”, engadiu.

Desde o Partido Popular de Culleredo animan a todos os interesados a asistir á charla e aproveitar esta oportunidade para informarse de primeira man sobre as distintas axudas dispoñibles.

0.1684410572052