O PP de Culleredo organiza o III Torneo Solidario de fútbol sala para apoiar a Cáritas Vilaboa

ACoruñaXa
O evento, que terá lugar o sábado 4 de xaneiro no Polideportivo de O Burgo, busca recoller alimentos non perecedoiros para as familias máis vulnerables
torneo fútbol sala Culleredo
28 Dec 2024

O Partido Popular de Culleredo organiza a terceira edición do seu Torneo Solidario de fútbol sala, unha cita deportiva e solidaria que se celebrará o vindeiro sábado 4 de xaneiro no Polideportivo de O Burgo, a partir das 9:30 horas. O obxectivo principal do evento é recadar alimentos non perecedoiros que se destinarán a Cáritas Vilaboa, co fin de axudar ás familias máis necesitadas da contorna.

Nesta ocasión, seis equipos da categoría pre-benxamín participarán nunha competición que inclúe unha liguiña pola mañá e as semifinais e final pola tarde. Os equipos inscritos son Hércules FS, Troula FS “A”, Troula FS “B”, SP Cambre e os locais Olímpico de Rutis e Sporting O Burgo.

Carlos Leites, concelleiro popular, agradeceu a implicación “dos equipos, directivas e familias dos pequenos deportistas que, en plenas vacacións de Nadal, participan neste evento solidario”. Pola súa banda, Izaskun García, voceira do PP, convidou “a todos os veciños a achegarse ao polideportivo e colaborar doando, como mínimo, un quilo de alimentos para poder acceder ao evento”.

A final terá lugar ás 19:00 horas e espérase superar os máis de 200 quilos de alimentos recadados na edición anterior. Todo o material recollido será entregado a Cáritas Vilaboa para a súa distribución entre as familias máis vulnerables.

0.18214702606201