O PP de Culleredo levará ao pleno as demandas dos veciños de Augas Mansas

ACoruñaXa
A portavoz do PP, Izaskun García, alertou especialmente sobre a situación da rúa Liberdade
Augas-Mansas-culleredo
13 Mar 2025

O Partido Popular de Culleredo presentará no próximo pleno municipal as reclamacións dos veciños da urbanización Augas Mansas, que denuncian o mal estado das súas rúas, a falta de infraestruturas básicas e o abandono por parte do Goberno local.

Recentemente, varios concelleiros do PP visitaron a urbanización para recoller de primeira man as queixas da veciñanza, que manifestou a súa preocupación pola falta de resposta do alcalde ante as súas demandas. “Os veciños de Augas Mansas séntense completamente ignorados. Tras anos reclamando melloras, o goberno municipal segue sen atender as súas necesidades”, denunciou a voceira popular, Izaskun García.

A portavoz do PP alertou especialmente sobre a situación da rúa Liberdade, onde un tramo da vía se estreita sen espazo para os peóns, con fochancas, vexetación que invade a calzada e un desnivel perigoso. “O risco para peóns e condutores é evidente, pero o goberno municipal segue sen actuar”, advertiu.

Outro problema grave que denuncian os populares é a falta de puntos de recollida de residuos, cunicamente tres para máis de 90 vivendas, ademais do mal estado doutras rúas da urbanización, que presentan fochancas e un deterioro evidente.

O PP de Culleredo tamén esixe explicacións sobre a ampliación da rúa Anchouza, a proposta máis votada nos orzamentos participativos de 2025 e que, segundo denuncian, continúa sen avances. “O Concello pediu a opinión dos veciños, pero agora négase a escoitalos. Esiximos que esta obra se inclúa nos orzamentos e que se atendan de inmediato as deficiencias de Augas Mansas”, concluíu García.

⚙ Configurar cookies
0.16863512992859