O PP de Culleredo fixa as súas condicións para a cesión das naves de La Cros

O Partido Popular de Culleredo fixo públicas as súas condicións para apoiar a posible cesión das naves da antiga fábrica de La Cros ao proxecto de centro de economía circular promovido polo CETIM. O anuncio chega despois de que o pleno municipal aprobara o cambio de uso das parcelas, avalado pola Xunta e a Deputación, co obxectivo de permitir a instalación do centro e novos equipamentos socioculturais.
A portavoz popular, Izaskun García, advertiu que “Culleredo non asinará un cheque en branco” e insistiu en que calquera acordo debe garantir beneficios sociais, económicos e institucionais desde o primeiro momento. Entre as esixencias que trasladarán á comisión de traballo, o PP propón que a concesión teña unha duración máxima de trinta anos, prorrogable por outros vinte, que só dúas das naves sexan cedidas e que a terceira se reserve para uso exclusivamente municipal, rehabilitándose de forma simultánea ás demais. Tamén defenden que o Concello forme parte do patronato do CETIM para asegurar representación pública no proxecto e que se estableza un canon anual, destinado integramente a un fondo de apoio ás asociacións locais.
Estas peticións complétanse coa proposta de que a veciñanza participe, mediante consulta pública, na definición dalgúns usos da nave municipal. Segundo García, “queremos un proxecto de futuro para La Cros, pero que reverta de maneira real no municipio”. A comisión de La Cros, formada unicamente por representantes políticos, reunirase por primeira vez o 11 de agosto para definir a posición municipal antes de iniciar calquera negociación coa fundación.