O PP de Culleredo esixe explicacións ao alcalde pola xestión do lixo no Consorcio As Mariñas

O Partido Popular de Culleredo volve a esixir explicacións ao alcalde pola xestión do lixo no Consorcio As Mariñas, despois de coñecer a través da prensa que o organismo decidiu manterse na planta de Nostián, a pesar dos seus incumprimentos medioambientais e do elevado custo para os veciños de Culleredo.
A portavoz popular, Izaskun García, lembrou que “o mes pasado rexistramos unha batería de preguntas sobre este asunto no pleno municipal, sen obter resposta, xa que o alcalde remitiuse ao Consorcio. Porén, o Consorcio tampouco contestou. Ademais, sinala, o pasado 11 de febreiro solicitamos acceso a documentación clave, como as facturas da empresa Albada, os estatutos do Consorcio e a carta enviada pola Consellería de Medio Ambiente ao Concello de Culleredo, sen que ata a data se facilitase dita información”.
García criticou que “o alcalde non asistise ao último pleno, onde se esperaba que dera explicacións sobre por que en Culleredo somos os que máis pagamos pola xestión da basura. Pero, mentres seguimos sen información, enterámonos pola prensa de que o Consorcio tomou decisións que comprometen o futuro da xestión de residuos na nosa comarca”.
O PP cuestiona o acordo que mantén ao Consorcio en Nostián, a pesar de que “o seu modelo é a opción máis contaminante e penalizada pola Unión Europea”. Tamén critica o acordo extraxudicial con Albada por 9,2 millóns de euros, rebaixando a indemnización inicial de 11,5 millóns. “Estamos a falar de máis de 2 millóns de euros perdoados a unha empresa que xa cobrara aos veciños por un servizo que, segundo sentenza xudicial, non lles correspondía pagar”, denunciou García.
A portavoz popular advertiu que o suposto aforro no custo por tonelada “é enganoso”, xa que SOGAMA “pode ofrecer descontos ambientais de ata 25 euros por tonelada, o que sen dúbida suporía unha redución significativa na factura de cada veciño”.
“O alcalde fuxe do debate e de dar explicacións porque sabe que non ten argumentos para xustificar este abuso. Desde o PP de Culleredo esiximos transparencia e unha xestión responsable dos residuos, que garanta o cumprimento da normativa medioambiental e, sobre todo, que non siga a penalizar economicamente aos nosos veciños”, concluíu García.