O PP de Culleredo esixe a dimisión da concelleira de Economía tras a sentenza de Villa Melania

ACoruñaXa
O grupo popular critica que o executivo local pretende asumir este pago a través dun crédito extraordinario co remanente municipal
pp-cull-pleno
1 Aug 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo esixiu no pleno a dimisión inmediata da concelleira de Economía, Facenda e Urbanismo, Marta Iglesias, ou o seu cesamento por parte do alcalde, José Ramón Rioboo, tras coñecerse unha nova sentenza xudicial firme que condena ao Concello a indemnizar con 1,3 millóns de euros a unha promotora por incumprir un convenio urbanístico asinado no ano 2003, en relación coa adquisición do pazo de Villa Melania.

A portavoz do PP, Izaskun García, considera que este novo revés económico “non é unha herdanza do pasado nin algo que os collera por sorpresa. É a factura dun modelo de goberno esgotado, sen proxecto. E esa factura páganas, unha vez máis, os veciños de Culleredo”.

García denunciou tamén que o executivo local pretende asumir este pago millonario a través dun crédito extraordinario con cargo ao remanente municipal, dado que os orzamentos están prorrogados desde 2023. “Trátase, literalmente, dunha modificación extraordinaria para tapar un burato provocado pola inacción”, asegurou.

Unha xestión cuestionada e múltiples fallos xudiciais

O PP lembrou que Marta Iglesias xa fora reprobada no pleno hai un ano, por iniciativa do propio grupo popular e co apoio do BNG, debido á súa responsabilidade directa no bloqueo do PXOM, os atrasos na aprobación dos orzamentos, o pagamento de facturas e a concesión de licenzas. “Segue no cargo como se nada pasase. E agora, con esta nova sentenza, os veciños de Culleredo asumen outra vez as consecuencias da súa deixadez”, lamentou a portavoz.

Segundo os populares, esta resolución súmase a outras tres sentenzas que xa supuxeron un importante impacto económico para o Concello. Entre elas, destaca o pago de 1,5 millóns polo incumprimento dun convenio urbanístico no caso do colexio Ría do Burgo, así como outras dúas sentenzas condenatorias en 2023 vinculadas coa ampliación da Casa do Concello e os terreos do paseo do río Trabe. “Estamos ante un patrón de irresponsabilidade reiterada. Cantas máis sentenzas coma esta están por vir? Cantos buratos máis aparecerán?”, preguntouse Izaskun García.

Reclamacións pendentes e máis transparencia

O PP reclamou tamén a convocatoria inmediata da comisión especial do PXOM, que segundo denuncian non foi convocada nin unha soa vez nos oito anos de mandato de Rioboo. Ademais, esixiron ao goberno local un informe completo sobre os convenios urbanísticos asinados antes da entrada en vigor da Lei do Solo de 2016, que consideran imprescindible para prever futuras responsabilidades económicas.

“Non queremos bloquear o pago destes 1,3 millóns porque respectamos as resolucións xudiciais, pero tampouco imos permitir que non se asuman os erros. Se a concelleira non dimite, debe ser cesada”, concluíu García.

⚙ Configurar cookies
0.25446796417236