O PP de Culleredo denuncia o abandono que sofre da parroquia de Orro

O Centro Social de Orro acolleu unha nova xornada da iniciativa "Rúa a rúa, escoitando", organizada polo Partido Popular de Culleredo. Esta actividade ten como obxectivo escoitar de primeira man as demandas, queixas e suxestións dos veciños de cada recuncho de Culleredo. Durante a xornada, os populares recolleron unha ampla variedade de preocupacións que afectan directamente á vida diaria dos veciños da parroquia de Orro.
Un dos temas máis sinalados polos asistentes foi a carencia de desbroces en toda a parroquia, o que compromete a seguridade e accesibilidade tanto para veciños como para vehículos. O estado da estrada DP-0510, que depende da Deputación, tamén foi duramente criticado, destacando a falta de limpeza a ambos lados da vía e as deficiencias estruturais dunha obra mal rematada. “É unha vergoña que, despois de tanto tempo e diñeiro investido, a obra non quedara como debería”, denunciou Izaskun García, portavoz do PP de Culleredo.
Outra queixa reiterada foi a ausencia do servizo de autobús municipal en Souto, unha demanda histórica que o Goberno local non atendeu. Os veciños deben camiñar máis de tres quilómetros ata a parada máis cercana en Orro Ponte. “Para un autobús non supón un gran desvío, pero para os veciños é un percorrido moi duro, especialmente para maiores ou persoas con necesidades médicas”, recordou García. Esta situación, que afecta principalmente a aqueles residentes que necesitan acceder a servizos médicos e outras xestións no centro de Culleredo, segue sendo unha carencia que non foi atendida polo goberno municipal, malia as reiteradas peticións dos populares nos plenos.
A indignación, segundo indica o PP, tamén se fixo notar nas urbanizacións de Vallesur e Los Olivos, onde, ademais da falta de contedores de lixo e papeleiras deterioradas, preocupa especialmente o mal estado do parque infantil, co peche roto e cables perigosos ao alcance dos nenos.
A esta situación, expón, súmase o retraso inxustificable do centro cívico prometido polo alcalde Rioboo en 2018. “Foi unha promesa de fai sete anos, o proxecto licitouse en 2023 e aínda non se moveu unha pedra. É unha tomadura de pelo intolerable”, afirmou García. “O goberno local está deixando aos veciños destas urbanizacións completamente abandonados”.
A portavoz popular denunciou tamén a inacción do executivo municipal: “As demandas que escoitamos son urxentes e evidentes, e non poden seguir esperando. Desde o PP de Culleredo seguiremos loitando para que se atendan, porque os veciños merecen solucións, non máis desculpas nin promesas baleiras”.