O PP de Culleredo denuncia o abandono dos servicios básicos en Castro-Laxe

ACoruñaXa
O grupo popular segue co seu ciclo de encontros veciñais “Rúa a Rúa, escoitando”
pp-cull-castro
24 Apr 2025

O Partido Popular de Culleredo segue co seu ciclo de encontros veciñais baixo o lema “Rúa a Rúa, escoitando”, e esta semana fixo parada no centro social de Castro-Laxe. A cita contou coa participación activa de decenas de veciños e veciñas, que aproveitaron a ocasión para expresar as súas queixas sobre o estado actual da súa zona. Entre as principais demandas destacaron a falta de limpeza, a escasa recollida de lixo, a ausencia de desbroces e o abandono de servizos básicos como o alcantarillado ou os accesos a urbanizacións con alta densidade de poboación.

“A situación en Castro-Laxe é un exemplo claro de como a política do PSOE de Culleredo está afastada das necesidades reais da veciñanza”, afirmou Izaskun García, portavoz do PP local. García destacou tamén a alta participación cidadá, cualificándoa como unha mostra do malestar xeneralizado entre os veciños.

Durante as case dúas horas que durou o encontro, os asistentes pediron maior frecuencia na recollida de residuos, a instalación de contedores suficientes, e a realización de desbroces urxentes, especialmente en zonas rurais pero con gran densidade poboacional. “A xente está farta de pagar os mesmos impostos que nas zonas urbanas mentres reciben moitos menos servizos”, subliñou García.

Outra das queixas máis recorrentes foi a falta de alcantarillado en varias áreas de Castro, especialmente na rúa Muiño, onde os veciños se queixan de vivir en condicións que consideraron propias da “época medieval”. A demanda histórica de instalar un sistema de alcantarillado en todo Castro-Laxe segue sen ser atendida, malia as promesas electorais dos gobernos socialistas.

Trasladan desde o PP que a recente compra por parte do alcalde, José Rioboo, dunha parcela anexa ao centro social tamén xerou escepticismo entre a veciñanza. “Os veciños entéranse por medio da prensa e non teñen ningunha información sobre como nin cando se realizará a consulta, nin se realmente se cumprirá o que decidan os veciños. Xa coñecemos moitos anuncios de Rioboo que logo non se materializan ou se fan sen contar coa veciñanza”, advertiu a portavoz popular.

Ademais, o PP recolleu as queixas dos veciños de urbanizacións como Augas Mansas, onde o abandono municipal tamén é evidente. O grupo popular lembrou que recentemente presentaron unha moción, aprobada no pleno, para a execución dun plan integral de mellora de viales e servizos, especialmente nos accesos, que soportan un elevado volume de tráfico debido á súa proximidade a varios centros educativos.

“Culleredo constrúese entre todos, veciños e políticos. Gobernar sen escoitar é condenar o municipio ao abandono”, sentenciou Izaskun García ao rematar o encontro.

⚙ Configurar cookies
0.15581798553467