O PP de Culleredo denuncia a xestión "soberbia" do alcalde e aposta pola escoita activa aos veciños

O Partido Popular de Culleredo segue coa súa iniciativa 'Rúa a rúa, escoitando', un proxecto que busca achegarse a cada barrio para coñecer de primeira man as inquedanzas e demandas da veciñanza. Na última reunión, celebrada con residentes de O Portádego, A Corveira e Monte Alfeirán, quedou patente un profundo malestar coa xestión do alcalde José Ramón Rioboo, a quen acusan de gobernar con “soberbia” e sen atender as necesidades reais do municipio.
Durante o encontro, a portavoz e líder do PP, Izaskun García, reafirmou o seu compromiso cunha política baseada na proximidade e o diálogo. "A diferenza do goberno municipal, que toma decisións sen contar con ninguén, nós queremos coñecer cada caso, cada problema, cada queixa e cada suxestión. Porque o concello fáise entre todos", asegurou García.
Segundo indican os populares a reunión contou cunha notable asistencia de veciños das tres zonas convocadas, o que, segundo a líder popular, demostra a crecente demanda da cidadanía por ser escoitada e participar na toma de decisións municipais.
Entre as principais queixas trasladadas polos veciños destacan o abandono de servizos básicos como a limpeza e o mantemento urbano, así como o incumprimento de promesas municipais que, nalgúns casos, levan máis de 20 anos en espera.
Inciden en que a actitude soberbia con que Rioboo goberna en Culleredo foi outro dos puntos que máis se comentaron nesta reunión. "Unha mostra clara disto é o proxecto de Monte Alfeirán, rexeitado polos veciños, e que o alcalde, a pesar diso, segue adiante. Por outra banda, en O Portádego esperan, dende hai máis de 20 anos, que se destine o solar abandonado fronte ás súa casas a un aparcadoiro ou zona verde, ou a construción dunha rotonda que poña fin a un cruce perigoso cunha altísima densidade de tráfico, dous dos compromisos incumpridos", denuncia Izaskun García.
Desde o Partido Popular de Culleredo animan aos veciños a seguir participando nestas reunións e a trasladar as súa queixas e propostas. “Fronte a un goberno que non escoita, nós seguiremos percorrendo cada recuncho do municipio para construír xuntos un Culleredo mellor", concluíu a portavoz popular.