O PP de Culleredo denuncia a falta de mantemento das instalacións deportivas a pesar do plan aprobado en setembro de 2023

ACoruñaXa
Os populares critican que os clubes deben iniciar a pretempada sen as reparacións necesarias e sen resposta do goberno municipal
Imaxe dunha instalación deportiva no Burgo en Culleredo
18 Xul 2024

O Partido Popular de Culleredo denuncia que as instalacións deportivas do municipio continúan sen o plan de mantemento aprobado en setembro de 2023. A poucos días do comezo da pretempada, os clubes veranse obrigados a iniciar as súas actividades sen ter as instalacións reparadas e en condicións óptimas para o inicio dunha nova tempada.

A formación política preguntou varias veces nos plenos e por rexistro sobre o estado de elaboración deste plan, sen obter resposta por parte do alcalde nin da súa concelleira de deportes. A líder popular, Izaskun García, acusa ao alcalde de falta de interese e de só aparecer nas fotos cando hai éxitos deportivos, sen implicarse no día a día dos clubes e asociacións deportivas.

Tras visitar as instalacións e falar coas entidades deportivas, os populares constataron que o plan integral de mantemento que se aprobou en setembro de 2023 “debeuse perder nalgún caixón da concellaría de deportes, a pesar de que no pleno no que se aprobou, desde o goberno municipal aseguraron que xa se estaba redactando un prego específico. Outra mentira máis”, afirma García.

Os populares sinalan numerosas deficiencias nas instalacións: vestiarios insuficientes e en mal estado, falta de iluminación, goteiras en todos os pavillóns, superficies inadecuadas para a práctica deportiva, fendas nalgunhas estruturas e falta de accesibilidade. "A lista de deficiencias é tan extensa que nos avergoña", manifesta a portavoz popular.

Desde o Grupo Popular destacan que a falta de mantemento non só prexudica aos deportistas e usuarios destas instalacións, senón tamén a todos os veciños. Un mantemento preventivo correcto suporía un aforro importante para as arcas municipais, algo que parece non preocupar ao alcalde Rioboo.

"Exiximos que José Ramón Rioboo e a súa concelleira de deportes, Cristina Pardo, cumpran canto antes co aprobado no pleno de setembro. Os acordos plenarios son para cumprilos, non para presumir deles e despois convertelos en papel mollado", advirten desde o Partido Popular.

0.18991899490356