O PP de Culleredo demanda unha actuación integral de saneamento no rural a partir do POS 2026

ACoruñaXa
Esta proposta xurdiu do contacto directo cos veciños a través da campaña popular “Rúa a rúa, escoitando”
pp-cull
11 Jul 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo propón que o Concello priorice, a partir do Plan de Obras e Servizos (POS) de 2026, unha actuación integral de saneamento nas parroquias rurais do municipio. A iniciativa reclama destinar a metade dos fondos do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña para dar resposta a unha “demanda histórica” que aínda permanece sen resolver en núcleos de parroquias como Boedo, Castelo, Castro-Laxe, Orro, Celas, Ledoño, Sueiro ou Sésamo.

“A zona rural de Culleredo leva anos esperando por unha rede de saneamento en condicións. É unha débeda pendente que debe saldarse dunha vez”, denuncia a portavoz do PP, Izaskun García.

Esta proposta xurdiu do contacto directo cos veciños a través da campaña “Rúa a rúa, escoitando”, coa que os populares percorreron o municipio durante meses recollendo as preocupacións máis urxentes da cidadanía. Entre elas, destaca de forma reiterada a carencia de saneamento nas parroquias rurais. “Algúns veciños nos dixeron, literalmente, que viven como na Idade Media. Non falamos de melloras, falamos de servizos básicos que aínda non teñen e que nunca chegan”, engade García.

O PP critica que, a pesar de que no POS de 2025 se incluíu unha intervención puntual no saneamento de Boedo, o resto das parroquias seguen sen unha resposta adecuada. As inversións dese ano centráronse principalmente na reparación de beirarrúas e asfaltados, obras decididas “sen participación nin consulta previa cos grupos políticos nin cos veciños”, reprocha García. “Isto non vai de falta de recursos, senón de falta de vontade política e de prioridades. O rural segue a ser o gran esquecido polo goberno de Rioboo”, afirma.

A formación popular lembra que o Concello segue operando con orzamentos prorrogados desde 2023, o que reforza a necesidade de empregar os fondos provinciais do POS para acometer actuacións que melloren a calidade de vida dos veciños. Por iso, insta ao goberno local a identificar e estudar xa as zonas máis críticas en canto á falta de saneamento, para poder redactar e contratar os proxectos necesarios canto antes. “Presentamos a nosa proposta con tempo suficiente para que o fagan”, advirte.

O PP insiste en que Culleredo necesita planificación, responsabilidade e unha visión clara de futuro no uso dos recursos públicos, e esixe ao goberno de Rioboo que deixe de lado “os parches e as obras cosméticas” para actuar con determinación: “Esta é unha oportunidade para rectificar e cumprir por fin co rural”.

⚙ Configurar cookies
0.18606305122375