O PP de Culleredo culpa ao alcalde dos impagos aos traballadores de Jardincelas

O Partido Popular de Culleredo vén de criticar duramente a “inacción e desleixo” do executivo municipal despois de coñecerse a sentenza xudicial que obriga ao Concello a asumir como responsable subsidiario o pagamento dos soldos que a empresa Jardincelas adebedaba aos seus traballadores.
A portavoz popular, Izaskun García, cualificou a situación como “a consecuencia directa dunha política de brazos cruzados” e lembrou que “o PP advertiu en reiteradas ocasións que permitir que empresas con contratos vencidos seguisen prestando servizos acabaría provocando situacións como esta, nas que os traballadores teñen que acudir aos tribunais para cobrar o que lles corresponde”.
Desde o PP lembran que xa en outubro de 2023 solicitaran un pleno extraordinario para esixir a licitación inmediata de todos os contratos caducados, algúns deles vencidos desde hai máis dunha década. “A moción foi aprobada por unanimidade e, case dous anos despois, seguimos sen ver nin un só contrato regularizado. Onde está o traballo do goberno? Onde está o respecto polos traballadores?”, preguntou García.
A formación popular insiste en que levaba anos reclamando ao Goberno local que asumise as súas responsabilidades para evitar “sufrimentos innecesarios” aos traballadores. “¿Canto tempo máis vai permitir este alcalde que os traballadores teñan que acudir á xustiza para cobrar o que xa traballaron? Isto non só xera estrés económico e emocional, senón que supón tamén un custo para as arcas municipais que se podería ter evitado cunha xestión responsable”, engadiu a voceira.
Ademais, o PP apuntou directamente ao secretario xeral do PSOE de Culleredo, quen, segundo denuncian, “en lugar de esixir responsabilidades ao alcalde e ao seu goberno, dedicouse a defender a pés xuntos a nefasta xestión de Rioboo, antepoñendo os intereses do seu partido aos dereitos dos traballadores”.
O Partido Popular esixe agora que se proceda á regularización inmediata de todos os contratos vencidos, se garantan as condicións laborais e se poña fin “á cultura da improvisación e a desidia”. “O alcalde non pode seguir agochándose. Esta sentenza colócao fronte ao espello da súa propia xestión: unha xestión que lle fallou aos traballadores, ás súas familias e a todo Culleredo”, concluíu García.