O PP de Culleredo cualifica de "de absoluta vergonza" o aprazamento do pleno extraordinario

ACoruñaXa
Coa solicitude deste pleno, os populares de Culleredo queren “esixir responsabilidades por semellante descontrol e falta de rigor na xestión dos fondos públicos"
pleno-Culleredo
11 Out 2024

A portavoz popular de Culleredo, Izaskun García, cualifica "de absoluta vergonza" o sucedido co aprazamento do pleno extraordinario que debía celebrarse no mediodía deste xoves, 10 de outubro.

Ese pleno foi pedido polo Grupo Popular para esixir responsabilidades pola “multitude de irregularidades orzamentarias cometidas durante 2023, ano electoral” o 13 pasado de setembro, polo que o pleno extraordinario debía celebrarse “como data límite o 4 de outubro, pero unha vez máis Rioboo e o seu goberno demostran a súa incompetencia e a súa desidia, convocándoo fóra de data e sen darnos toda a documentación requirida”, sinala García Gorostizu.

Os populares ven nesta actitude, a de negar e dilatar reiteradamente o acceso á totalidade da documentación que se solicita, “unha mostra clara da maneira de gobernar de José Ramón Rioboo: incompetente, irresponsable, opaca... en definitiva, unha pésima xestión que ten a Culleredo paralizado”, denuncia a líder popular.

Coa solicitude deste pleno, os populares de Culleredo queren “esixir responsabilidades por semellante descontrol e falta de rigor na xestión dos fondos públicos por parte deste alcalde e dos seus concelleiros”.

Un descontrol e unha falta de xestión que quedou patente no pleno de agosto onde se aprobou, grazas á iniciativa do Partido Popular, o recoñecemento extraxudicial de crédito que posibilitou o abono de facturas impagadas desde facía máis dun ano. “Aí puidemos comprobar unha vez máis como se ordenan gastos sen ningún tipo de informe nin xustificación, como se abusa dos contratos menores para evitar un proceso transparente e de libre competencia, como son incapaces de dar solución ao grave problema de falta de persoal. Un goberno incapaz de solucionar absolutamente nada”.

0.19755506515503