O PP de Culleredo critica a falta de planificación e ambición no Plan de Obras e Servizos

ACoruñaXa
O pleno extraordinario do Concello vén de aprobar o Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación
IzaskunPleno-POS
7 Feb 2025

O Pleno extraordinario do Concello de Culleredo aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación, unha iniciativa que xerou críticas por parte do Grupo Popular. A formación considera que o plan é insuficiente, carece de ambición e foi elaborado sen planificación, deixando de lado as necesidades reais do municipio.

A portavoz popular, Izaskun García, cuestionou na súa intervención os criterios empregados polo goberno local para seleccionar os proxectos incluídos no POS. “Por que se escolleron estas obras e non outras? Por que, unha vez máis, se presenta unha proposta pechada, sen consenso previo nin coa oposición nin coa veciñanza?”, preguntouse a líder do PP.

García lamentou que o rural volva ser o gran esquecido na planificación municipal. “Cando un goberno prioriza a construción de beirarrúas no canto de garantir redes de saneamento ou mellorar a accesibilidade no rural, está deixando claro que esas parroquias non son a súa prioridade. Non é só unha falta de xestión, é unha absoluta falta de respecto”, afirmou con contundencia.

Os populares tamén sinalaron a postura do BNG como especialmente rechamante. “Despois de criticar a opacidade do goberno municipal na elección dos proxectos, acabaron apoiando un listado que ignora as demandas históricas da veciñanza de Castelo, Celas, Ledoño, Sésamo, Sueiro e Orro. Hoxe déronlle ao alcalde un cheque en branco, demostrando que o seu discurso varía segundo lles convén”, reprochou García.

A pesar da súa desconformidade, o PP asegurou que non votará en contra de investimentos que beneficien á veciñanza, pero esixiu unha planificación máis rigorosa, maior ambición e unha estratexia de futuro para Culleredo. “O noso concello precisa moito máis que parches. Precisa un goberno con ideas, que goberne para todos, con responsabilidade e visión de futuro”, concluíron.

0.16516017913818