O PP de Culleredo critica a falta de compromiso do goberno local co rural

ACoruñaXa
Os populares esixen ao Concello que atenda dunha vez as demandas históricas do rural
Saneamiento-culleredo
3 Feb 2025

O Partido Popular de Culleredo volve a alzar a voz contra a xestión do goberno municipal, acusándoo de opacidade e falta de compromiso cos proxectos de saneamento en varias parroquias do rural. A formación denuncia que, a pesar das promesas realizadas, a única actuación prevista no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación para este ano levarase a cabo en Boedo, deixando fóra parroquias como Celas, Sésamo, Sueiro e Castelo, que levan anos reclamando melloras na rede de saneamento.

“O goberno municipal volve a poñer escusas dicindo que non hai máis proxectos redactados e que non hai tempo para preparalos antes do 7 de febreiro. Iso é inaceptable”, critica a portavoz popular, Izaskun García. Segundo o PP, esta situación contradí o anexo de investimentos de 2023, onde se incluía unha partida de 350.000 euros para a rede de saneamento en sete parroquias: Celas, Sésamo, Sueiro, Castelo, Boedo, Rutis e O Burgo.

No último pleno municipal, García preguntou directamente ao alcalde, José Ramón Rioboo, se eses proxectos existían realmente ou se simplemente foran incluídos no anexo sen intención de executalos. “A súa resposta foi un claro exemplo da súa absoluta falta de xestión e control sobre o que pasa en Culleredo: non soubo contestar con claridade e limitouse a dicir que tería que consultalo”, sinalou a líder do PP local.

Desde o Partido Popular esixen ao Concello que atenda dunha vez as históricas demandas do rural e que abandone as escusas. “As parroquias do rural son as grandes esquecidas por este alcalde. Culleredo non pode seguir esperando. O rural merece dignidade, investimentos e un goberno que saiba xestionar”, conclúe Izaskun García.

0.16643905639648