O PP de Culleredo crea un canal de apoio para facilitar o acceso das familias ás axudas de vivenda da Xunta

ACoruñaXa
A portavoz popular, Izaskun García, acompañou á conselleira de Vivenda na visita á parcela de Vilaboa onde o Goberno galego construirá 17 vivendas públicas cun investimento superior aos 3,2 millóns de euros
CULLEREDO pp viviendas
12 Dec 2025

O PP de Culleredo vén de poñer en marcha un canal de información e acompañamento dirixido ás persoas interesadas nas diferentes liñas de axuda da Xunta en materia de compra e alugueiro de vivenda, rehabilitación e eficiencia enerxética, así como no proceso para optar ás futuras vivendas de protección pública. Este servizo permitirá resolver dúbidas e ofrecer apoio na tramitación, incluída a inscrición no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Protección Pública do IGVS, requisito imprescindible para acceder ás novas promocións.

A portavoz popular, Izaskun García, destacou que, ante a falta de información municipal, o PP asume este labor de apoio á veciñanza. García acompañou esta mañá á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na visita á parcela de titularidade autonómica situada en Vilaboa, onde a Xunta prevé investir máis de 3,2 millóns de euros na construción dun edificio con 17 vivendas públicas.

Segundo afirmou, esta promoción é posible grazas ao traballo político que o PP local mantén coa Xunta desde hai meses. Lembrou o encontro celebrado en febreiro no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, no que se informou das axudas autonómicas e no que, asegura, se encheu o aforo con veciños preocupados pola imposibilidade de atopar vivenda a prezos asumibles. 'A Xunta respondeu con feitos, Rioboo responde con parálise', resumiu García.

A portavoz do PP sinalou que Culleredo é hoxe unha excepción na área metropolitana, xa que concellos como A Coruña, Arteixo ou Carballo xa cederon solo municipal para novas vivendas públicas, mentres Culleredo non achega terreo por decisión do alcalde. García criticou que o PXOM continúe bloqueado e advertiu de que, de estar aprobado, o municipio podería dispoñer de solo propio para promover máis vivenda pública. 'É unha mágoa porque, en vez de falar de 17 vivendas, poderiamos estar a falar de moitas máis', engadiu.

Como continuación do encontro celebrado este ano, García avanzou que o PP organizará unha nova convocatoria en 2026 destinada a informar sobre as axudas de vivenda da Xunta, que continúa avanzando no seu obxectivo de duplicar o parque público residencial con 4.000 novas vivendas ata 2028.

⚙ Configurar cookies
0.08194899559021