O PP de Culleredo considera que o Concello rectifica ao pedir á Xunta un informe urbanístico sobre La Cros

ACoruñaXa
Os populares reiteran que non se opoñen ao desenvolvemento do espazo, pero insisten en que debe facerse con garantías legais
cull-cros
25 Jun 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo mostrou a súa satisfacción tras coñecer que o executivo local decidiu, segundo afirma, solicitar á Xunta de Galicia o informe sobre o proxecto do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) nos terreos municipais da antiga fábrica da Cros. Un paso que os populares levan reclamando desde febreiro de 2024, cando votaron en contra da modificación dos usos urbanísticos destas parcelas nun pleno extraordinario.

O PP esixira entón consultar á Xunta Consultiva de Ordenación do Territorio e Urbanismo ante as dúbidas xurídicas e urbanísticas que xeraba o proxecto. Porén, o goberno de José Ramón Rioboo rexeitou esa petición e acusou aos populares de tentar frear a iniciativa. “Fomos leais con Culleredo: non freamos nada, o que fixemos foi pedir garantías. Pero o alcalde preferiu seguir adiante sen base xurídica e sen escoitar”, sinala a voceira do PP, Izaskun García.

O tempo acabou dando a razón ao grupo popular segundo recoñecen. Un informe da Deputación da Coruña, emitido en maio, avala unha das principais advertencias feitas polos populares: non é legal realizar o cambio de usos urbanísticos e a cesión de terreos no mesmo pleno, como pretendía facer o goberno local en 2024. “Dános a razón. Se o tivésemos aprobado, tería sido nulo”, engade García.

Ante esta situación, consideran, e despois de máis dun ano de advertencias ignoradas, o executivo de Rioboo viuse obrigado a retirar “in extremis” da orde do día do pleno deste mércores o punto relativo á modificación dos usos do solo da Cros. A decisión prodúcese tras recoñecer a falta de respaldo legal e a necesidade de contar co informe da Xunta para esclarecer o procedemento. “A pregunta é clara: por que tardou Rioboo 16 meses en facer o que lle dixemos desde o principio? A única resposta é a súa improvisación constante e a falta dun proxecto real para Culleredo”, afirma a voceira popular. “Valoramos que por fin recoñeza o seu erro e actúe na dirección correcta –engade–, pero é evidente que se perdeu un tempo valioso”.

Desde o PP consideran que este cambio de postura está motivado tamén pola reapertura, por parte da Xunta, da convocatoria de axudas para centros tecnolóxicos, ás que podería optar o proxecto do CETIM, que en 2024 non conseguiu acceder a estes fondos.

Finalmente, os populares reiteran que non se opoñen ao desenvolvemento do espazo da Cros, pero insisten en que debe facerse “con todas as garantías legais e pensando no interese xeral do municipio e no beneficio da veciñanza”. Para o PP, trátase dun espazo estratéxico no centro urbano que require unha planificación seria e unha visión de futuro: “A Cros non é un cheque en branco. É unha gran oportunidade para Culleredo se se xestiona ben, con responsabilidade e pensando sempre nos veciños. Seguiremos traballando para que así sexa”, conclúe Izaskun García.

⚙ Configurar cookies
0.16421699523926