O PP de Culleredo acusa ao Goberno local de deixar ao municipio sen axudas para bibliotecas

O Partido Popular de Culleredo denuncia que o municipio quedou excluído dunha liña de subvencións da Xunta de Galicia destinada á adquisición de novidades editoriais en galego e á mellora das coleccións das bibliotecas municipais, debido a que o Goberno local non aprobou a conta xeral correspondente ao ano 2023.
Indican desde o PP que, segundo se recolle na resolución publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), Culleredo é un dos dous únicos concellos de toda Galicia que non puido optar a estas axudas por non cumprir co requisito de ter presentada a conta xeral antes do 1 de outubro de 2024.
“Falamos dun atraso de máis de sete meses nunha obriga elemental. É unha mostra clara do descontrol, a deixadez e o desgoberno que padecemos baixo a responsabilidade do alcalde Rioboo”, sinala a voceira do PP local, Izaskun García.
Desde o PP lembran que a conta xeral é un documento fundamental que recolle toda a xestión económico-financeira do Concello, e que a súa non aprobación pode impedir o acceso a fondos autonómicos, estatais e mesmo europeos. “A falta de xestión do alcalde está a custar cartos e oportunidades a todos os veciños. É unha irresponsabilidade absoluta”, engade García.
Os populares tamén alertan sobre as deficiencias en materia de transparencia e rendición de contas que, ao seu xuízo, definen o actual executivo municipal. “A opacidade coa que se está a gobernar xera desconfianza, non só entre a veciñanza, senón tamén entre outras administracións que poderían colaborar con Culleredo”, afirman.
A esta situación súmase outro factor que consideran grave: a falta de orzamentos municipais para 2025. “Sen contas e sen presupostos, Culleredo está paralizado. Necesitamos con urxencia un goberno que traballe, que rinda contas e que estea á altura do que merecen os nosos veciños”, conclúe Izaskun García.