O PP de Coruña denuncia un abandono municipal na xestión dos barrios

ACoruñaXa
Os populares sinalan tamén os retrasos en proxectos clave como o de Aesia ou a Cidade das TIC
O voceiro do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo
30 Jan 2025

O Grupo Popular da Coruña acusa a Inés Rey de falta de xestión, asegurando que isto afecta tanto aos grandes proxectos como ás necesidades cotiás dos barrios coruñeses. "Preocúpase só por grandes anuncios, que despois non se concretan, e non por estar presente nos barrios, escoitar aos veciños e solucionar os problemas reais".

O PP denuncia que a cidade segue sen orzamentos. Se a alcaldesa decide sometelos a unha cuestión de confianza, non estarán aprobados ata abril ou maio, o que supón que mentres tanto non haberá investimentos nos barrios nin convenios con entidades. “O orzamento debería ser a prioridade da alcaldesa, pero está centrada noutros temas”, sinala Miguel Lorenzo.

Ademais, o Grupo Popular critica o retraso de cinco anos na posta en marcha da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia). Tras dous anos desde a adxudicación da sede, Inés Rey anunciara que estaría operativa en setembro pasado na Terraza. “Agora di que fai falta unha reforma integral e que non estará en funcionamento ata dentro de tres anos máis”. Mentres tanto, proponse unha sede provisional na Casa Veeduría. “A miña pregunta é se a cesión deste espazo suporá que algunha das actuacións previstas despois da reforma -que se acabou cun ano de retraso- non se poderá poñer en marcha”, destaca Lorenzo.

Outra das críticas do Grupo Popular vai dirixida á xestión da Cidade das TIC, cuxa sociedade de xestión segue sen constituírse. “Nin sequera están aprobados definitivamente os estatutos despois de levalos a pleno en dúmas ocasions para corrixir erros”. Tamén sinalan a falta de avances na chamada Cuarta Rolda, un dos proxectos estrela da alcaldesa.

Pero este abandono municipal, segundo o PP, afecta especialmente aos barrios. “Inés Rey non pisa os barrios, nin escoita aos veciños, nin resolve os seus problemas”. A falla de investimentos é unha das principais queixas. “O orzamento prorrogado recorta en 62 millóns de euros as partidas para obras, ademais de deixar máis de 90 millóns sen executar en 2024 e 225 millóns nos cinco anos anteriores”.

Outro problema que lles preocupa é a inseguridade. “A semana pasada estivemos en O Castrillón, onde hai moita preocupación polos roubos case diarios e polos narcopisos. Tamén en Someso, onde hai roubos en vehículos, tráfico de drogas e falta de presenza policial. Ademais, escoitamos as queixas dos comerciantes de Catro Camiños polos roubos”.

Os populares tamén sinalan que as festas dos barrios son outro punto de conflito. A decisión de que as asociacións veciñais se convertan en comisións de festas e asuman unha tarefa que correspondería ao goberno municipal xa xerou o rexeitamento de 20 entidades veciñais.

0.14222311973572