O PP de Carral sinala de “inxustificada” a subida no prezo dos campamentos deportivos municipais
O grupo do Partido Popular no municipio de Carral denunciou este xoves, 6 de xuño, a subida no prezo dos campamentos deportivos de verán que organiza o Concello. En concreto, desde o PP alertan que os veciños terán que facer fronte a un incremento de case o dobre no custo semanal por persoa, pasando dos 17,50 euros do 2023 aos 30 euros que terán que pagar este ano.
“Trátase dun incremento totalmente inxustificado. Un incremento que só ten un fin recaudatorio co que aportar cartos á arcas municipais”, apuntan os populares, quen incidiron en que o Goberno Local non pode responsabilizar ás empresas encargadas de poñer en marcha os campamentos porque, tal e como explicaron, o Concello aínda sacou onte a licitación do servicio.
Ademais do incremento do prezo, os populares cargaron tamén contra a decisión do Goberno Local de rebaixar a franxa de idade dos nenos que poden participar nos campamentos. “Falamos de actividades que son fundamentais para a conciliación das familias nos meses de verán e resulta que este ano decidiron que só poidan participar nenos de ata 11 anos, cando sempre se podía ata os 15”, lamentan no PP.
Lonxe de quedarse aquí as críticas, os populares aseguraron que as “chapuzas municipais” coa organización dos campamentos afectan tamén o servizo de ‘madrugadores’ e ao de ‘tempo de xantar’. “Nunca antes tiñan cobrado por ningunha destas dúas opcións e agora as familias terán que pagar 9,25 euros á semana por cada neno a pesar de que teñen que levarse a comida de casa”, conclúen os populares.