O PP de Betanzos traslada a preocupación polas condicións do parque infantil de O Pasatempo

O Partido Popular traslada que varios usuarios do parque infantil de O Pasatempo expresaron a súa preocupación pola falta de limpeza e a presenza constante de excrementos de patos, procedentes do estanque próximo. Pais e nais que utilizan o espazo para os seus fillos alertaron sobre os riscos hixiénicos e de seguridade que esta situación pode supor.
Diante diso, o PP solicitou ao Goberno local que aumente a frecuencia das limpiezas no parque e que se estuden medidas para evitar que os patos poidan acceder ao recinto de xogos infantís, co obxectivo de mellorar as condicións hixiénicas do espazo.
Ademais, o PP destacou tamén a preocupación pola falta de iluminación no parque, un problema que se agrava especialmente nos meses de inverno, cando as horas de escuridade son máis longas. Neste sentido, os populares instaron ao Concello a mellorar a intensidade das luces e a aumentar o número de luminarias, para garantir unha maior seguridade para os usuarios do parque durante todo o ano.
Cecilia Vázquez, portavoz do PP en Betanzos, trasladou esta situación ao equipo de goberno durante o pleno celebrado no mes de xaneiro. Vázquez pediu que se tomen as medidas necesarias para mellorar a seguridade e o benestar das persoas que utilizan o parque, facendo un chamamento á urxente actuación do goberno local para resolver estas cuestións.