O PP de Betanzos suxiere ao goberno local a compra da Casa Ghótica para a súa rehabilitación
O PP presenta unha moción ao pleno deste mes no que propón ao goberno unha iniciativa que podería facilitar a compra da Casa Gótica e que así pasase a ser un ben de propiedade municipal. A portavoz popular, Cecilia Vázquez explicou que o DOGA do 10 xuño publicou unha resolución cuxo obxecto é convocar, para o ano 2024, o acceso ao Fondo de Cooperación para apoiar o financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en municipios de menos de 50.000 habitantes.
Entre as posibilidades que ofrece esta vía de financiamento está a de compra de inmobles para a súa posterior restauración. Un caso no que estaría contemplada a Casa Gótica, nestes momentos de titularidade particular. De ser adquirida polo concello de Betanzos, sería moito máis fácil a súa rehabilitación para destinala a un uso público. Neste sentido, Cecilia Vázquez lembrou que o Partido Popular no seu programa comprometeuse, nas pasadas eleccións municipais, á compra e rehabilitación do inmoble para destinalo a museo do gótico de Galicia.
Cecilia Vázquez propón ao goberno local que reflexione sobre a posibilidade que se abre con estes fondos, que o equipo de goberno estudei a citada orde do DOGA e decida afrontar a incorporación da que é considerada a casa máis antiga de Betanzos ao patrimonio municipal. Pola súa banda, Vázquez compromete o apoio e a cooperación do PP en todos as xestións necesarias para a consecución deste fin. “ A ninguén se lle escapa que a recuperación integral da Casa Gótica e a súa apertura como museo do gótico de Galicia, sería un importante logro de todos en favor de Betanzos e o seu patrimonio cultural.