O PP de Betanzos suspende ao goberno de Barral por non presentar os orzamentos de 2025

O Partido Popular de Betanzos cargou contra o executivo municipal liderado por María Barral, ao que lle outorgou un “cero en xestión” pola ausencia de orzamentos municipais para 2025 a estas alturas do ano. A voceira popular, Cecilia Vázquez, censurou “o escurantismo e a opacidade” coas que, segundo ela, está a actuar o goberno socialista, ao “non informar nin da súa estratexia económica a curto prazo nin do horizonte das arcas públicas do Concello”.
Segundo o PP, a situación financeira do Concello é “delicada” e agravada pola falta de transparencia e planificación. “Sen orzamentos é moi difícil saír do pozo económico no que este goberno meteu ao Concello”, advertiu Vázquez, lembrando que as contas seguen intervidas e que, segundo un informe de Intervención, a débeda ascendía a 6,5 millóns de euros a 31 de decembro de 2024. Ademais, denunciou que o consistorio mantén prazos preocupantes no pago aos provedores.
Vázquez foi máis alá ao cuestionar a xestión da alcaldesa, afirmando que “se María Barral fora a directora dunha empresa privada, xa hai tempo que estaría despedida”. A situación, ao seu xuízo, é “surrealista, pero non sorprendente”, xa que responde, segundo dixo, “á tendenza de decadencia acelerada tanto do goberno local como do PSdeG-PSOE de Betanzos”.
A voceira popular tamén criticou a recente renovación dos cargos orgánicos da agrupación socialista, que cualificou de “cambio de cromos celebrado en petit comité”, e recordou outros episodios que, ao seu parecer, exemplifican o desgoberno: “Este goberno iniciou o mandato cubrindo de incertidume unha tradición centenaria como a do globo de San Roque e foi avanzando nestes dous anos de sobresalto en sobresalto, coa controvertida renovación do mobiliario urbano ou a decisión unilateral de restrinxir o tráfico e o estacionamento no casco histórico”.
O PP considera que o BNG, socio de goberno, tamén é “corresponsable e cómplice da desfeita” e critica a estratexia política de Barral: “O único polo que destacou María Barral na primeira metade do mandato foi pola súa estratexia de confrontación coa Xunta de Galicia, que en nada beneficia á veciñanza de Betanzos”, concluíu Vázquez.