O PP de Betanzos solicita a comparecencia do concelleiro de Seguridade ante un aumento de incidentes

O Partido Popular de Betanzos presentou unha petición formal para que o concelleiro delegado de Seguridade compareza ante a corporación municipal e informe á veciñanza sobre as actuacións desenvolvidas e os plans previstos polo Goberno local fronte ao que cualifican como “preocupante crecemento de situacións que alteran gravemente a convivencia no municipio”.
A formación popular sinala como elementos especialmente alarmantes a ocupación ilegal de vivendas e a presenza habitual en rúas e prazas de persoas con adiccións ao consumo de drogas, así como de individuos vinculados ao tráfico destas substancias. Como exemplo recente, lembran o incendio que afectou de forma total a unha casa da rúa Saavedra Meneses, ocupada ilegalmente desde hai tempo. Segundo apuntan, este caso xa fora comunicado ao Goberno local polo PP hai máis dun ano, e tamén fora trasladado por un “considerable número de veciños da zona”.
O PP sostén que “todas estas circunstancias que alteran a seguridade dos veciños son coñecidas” e que teñen sido recollidas “habitualmente” polos medios de comunicación e as redes sociais, reflectindo unha percepción crecente de inseguridade entre a veciñanza e os visitantes. “Nada que non coñeza o equipo de goberno por múltiples canles de información”, aseguran, facendo referencia a denuncias veciñais, colectivos sociais, medios e intervencións do propio PP.
Diante deste contexto, a portavoz popular, Cecilia Vázquez, considera “imprescindible” que o concelleiro delegado de Seguridade “explique as actuacións realizadas e previstas polo Goberno local en relación con estes asuntos”. Reclama tamén que se ofrezan datos obxectivos sobre o número de incidencias rexistradas, as intervencións efectuadas e os recursos dispoñibles, así como información sobre a coordinación existente coa Policía Local, os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e os Servizos Sociais Municipais.
Ademais, Vázquez subliña “a necesidade de que o Goberno local traslade tranquilidade e información á cidadanía”. “Unha cidadanía que merece saber que o Concello está alerta e actuando con responsabilidade ante esta situación”, engade. “Betanzos sempre foi unha cidade segura e acolledora cunha ampla comunidade veciñal. É responsabilidade de todas as forzas políticas, e en especial do goberno municipal, garantir dita seguridade e preservar a paz social coa máxima transparencia e eficacia”, conclúe.