O PP de Betanzos reclama unha solución definitiva para o Camiño de San Xiao tras unha nova fenda

O Partido Popular de Betanzos vén de advertir da aparición dunha nova e importante fenda no pavimento do Camiño de San Xiao, a escasos metros da fonte de Os Ánxeles. Segundo trasladan desde a formación, foron os propios veciños e usuarios da zona os que alertaron desta situación á portavoz popular, Cecilia Vázquez.
A voceira do PP lembraba que “desde o 2021 os desprazamentos e fendas neste acceso repítense constantemente”, e anunciou que insistirá ao goberno local sobre a necesidade de acometer “unha actuación definitiva sobre este vial”.
Critican que, ata o momento, “o Concello se limitou a ir poñendo parches tras cada desprazamento”, unhas actuacións que, segundo apuntan, “non son unha solución ao problema”. Sinalan ademais que “o precario da estabilidade deste vial e a incapacidade do goberno para garantir a seguridade viaria na zona non fan máis que aumentar o potencial risco de accidentes para os vehículos e peóns”.
Desde o Partido Popular esíxenlle ao equipo de goberno que realice un estudo e execute un proxecto que garanta a estabilidade do terreo e o tránsito seguro nesta vía pública, moi concorrida especialmente coa chegada do bo tempo. O Camiño de San Xiao é, ademais, segundo destacan, o principal acceso a pé cara á zona dos Caneiros e unha ruta habitual para a práctica deportiva de centos de persoas.