O PP de Betanzos reclama ao Concello os trámites pendentes para declarar BIC o Globo de San Roque

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos vén de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo pleno coa que insta ao Goberno local a remitir “coa maior brevidade posible” a documentación solicitada hai dous meses pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, necesaria para completar o expediente de declaración do Globo de San Roque como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial.
A portavoz do PP betanceiro, Cecilia Vázquez, explicou que a documentación achegada polo Concello xunto coa solicitude rexistrada en marzo foi cualificada como “insuficiente” por parte de Patrimonio ao non incluír aspectos técnicos “esenciais”, como a delimitación espacial e temporal da celebración, unha descrición detallada da mesma ou a adhesión de entidades representativas da tradición.
Co obxectivo de enriquecer a proposta e avanzar na tramitación, os populares piden que o Concello promova a implicación das entidades veciñais, culturais e sociais vencelladas ao Globo de San Roque, co fin de incorporar os seus testemuños e achegas. A moción foi redactada, sinalan, “con espírito construtivo”.
Cecilia Vázquez lembrou que o Globo de San Roque “é unha das expresións máis singulares do patrimonio cultural e emocional de Betanzos” e apuntou que, coincidindo co 150 aniversario da primeira solta promovida por Claudino Pita Pandelo, a súa declaración como BIC inmaterial suporía un recoñecemento oficial “xusto e merecido”.
Ademais, o grupo popular pretende que esta moción sirva tamén como homenaxe a todas as persoas que, ao longo das décadas, contribuíron a manter viva esta tradición. Mencionan de maneira especial a Claudino Pita Gómez, falecido este ano e que durante moitos anos tivo a honra de cortar a corda do Globo, e a Paco Pita, recentemente falecido.