O PP de Betanzos propón unha ordenanza para regular o acceso ao casco histórico

ACoruñaXa
Esta iniciativa xorde como resposta á decisión do Goberno local de restrinxir o acceso de vehículos ao casco histórico
Edificio Liceo onde se sitúan os servizos administrativos do Concello de Betanzos
23 May 2025

O Partido Popular de Betanzos presentará este martes á directiva da Asociación de Comerciantes do Casco Histórico (Chescasco) un borrador de ordenanza para regular o acceso de vehículos á zona monumental da cidade. A proposta será trasladada persoalmente pola portavoz popular, Cecilia Vázquez, durante unha visita aos establecementos comerciais do centro, na que tamén recollerá as primeiras impresións do sector.

Desde o PP explican que se trata dun documento aberto á participación, que busca servir como punto de partida para o diálogo co comercio, a hostalería, os profesionais e os veciños afectados. “Queremos construír unha solución realista e consensuada, partindo das necesidades de quen vive e traballa no centro histórico”, indicou Vázquez.

Esta iniciativa xorde como resposta á decisión do Goberno local de restrinxir o acceso de vehículos ao casco histórico, unha medida que, segundo denuncia o PP, foi adoptada sen consultar previamente aos afectados e sen contar cunha normativa que a sustente. “Unha vez máis, o Concello actúa sen escoitar e sen transparencia”, criticou a portavoz popular.

A formación comezou esta semana unha rolda de contactos co tecido comercial e ten previsto continuar esta tarde co reparto do borrador. Cecilia Vázquez avanzou que, unha vez escoitadas as achegas dos principais implicados, realizará unha valoración pública sobre as medidas máis axeitadas para impulsar a recuperación económica e residencial do centro histórico.

“A política municipal non pode basearse en improvisacións. Non se pode comezar a casa polo tellado”, sentenciou Vázquez, quen pediu ao goberno local que rectifique e poña no centro das súas decisións o interese xeral e o diálogo coa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.14654922485352