O PP de Betanzos propón regular o estacionamento na rúa Bartolome Cossío para mellorar a circulación

O grupo municipal do Partido Popular de Betanzos vén de trasladar ao goberno local unha petición veciñal relacionada coa rúa Bartolome Cossío. Segundo os populares os residentes desta vía solicitan que se pinte de amarelo a beirarrúa na curva da rúa, debido ás dificultades que xorden cando dous vehículos aparcan a ambos lados deste punto.
Segundo sinalan os veciños, esta situación dificulta o paso de furgonetas de gran tamaño e do camión de recollida de residuos, xerando riscos de danos nos vehículos.
A portavoz do PP, Cecilia Vázquez, levou esta demanda ao pleno ordinario de xuño co obxectivo de que o Concello regule correctamente a circulación neste tramo. “Cando dous vehículos aparcan a ambos lados nesta curva, resulta moi complicado para as furgonetas voluminosas e incluso para o camión de recollida de residuos circular, co risco de que os vehículos rematen danados”, advertiu.
Desde o PP instan ao Concello a actuar con celeridade para garantir a seguridade viaria e evitar futuros incidentes nesta zona do núcleo urbano.