O PP de Betanzos propón dar o premio Úrsula Meléndez de Texeda a Obdulia González Novoa

O Partido Popular de Betanzos propón distinguir a Obdulia González Novoa co premio Úrsula Meléndez de Texeda deste ano. Para a voceira popular Cecilia Vázquez, Obdulia, que durante décadas rexentou a carnicería O’Bo, na praza de Galicia, fronte ao edificio Liceo, é unha persoa que xa forma parte do imaxinario betanceiro. Polo seu establecemento, que segue aberto e actualmente está atendido por un dos seus fillos, pasaron tres xeracións de betanceiras.
Describen que o seu carácter alegre, a súa locuacidade e a situación da carnicería, en pleno centro da cidade, fixeron que Obdulia se convertese nunha persoa popular e querida por todos. Neste sentido, Cecilia Vázquez indica que, a xuízo do PP, trátase dun recoñecemento merecidísimo e que para ela é, ademais, unha satisfacción persoal moi grande propoñer a unha muller con gran sentido da responsabilidade no traballo e excepcional nai dunha gran e querida familia. A voceira popular trasladará oficialmente a proposta do seu grupo político ao Goberno local de Betanzos.