O PP de Betanzos propón ampliar a implantación de comunidades enerxéticas

ACoruñaXa
A proposta popular foi aprobada por unanimidade da corporación segundo trasladan tras o Pleno
cecilia-pp-betanzos
30 Apr 2025

O Partido Popular de Betanzos levou ao Pleno ordinario deste mes unha moción para instar ao Concello a impulsar a creación dunha Comunidade Enerxética Local (CEL), promovendo a participación activa da veciñanza, empresas e entidades locais. A proposta foi aprobada por unanimidade da corporación.

A moción defende a constitución dun grupo de traballo municipal que coordine o proxecto, contando co apoio de técnicos especializados, representantes veciñais e do tecido empresarial brigantino. O documento presentado tamén recolle posibles vías de financiamento para a iniciativa.

Segundo explicou a voceira popular, Cecilia Vázquez, “as Comunidades Enerxéticas Locais son unha ferramenta que ten como obxectivo avanzar cara á autosuficiencia enerxética e a redución da dependencia dos combustibles fósiles”. Para iso, insistiu en que “o Concello debe liderar esta iniciativa, actuando como motor do cambio e facilitando a implicación de todos os axentes locais”.

O PP expón que a proposta mellora o proxecto anunciado polo Concello en abril de 2023, cando se informou á veciñanza da intención de crear unha comunidade enerxética na contorna de Carregal. Fronte a esta localización única, o PP encargou tras as eleccións municipais de maio de 2023 un estudo técnico que analiza múltiples emprazamentos potenciais.

Este estudo, segundo destaca o grupo popular, permitiría unha implantación máis ampla do modelo e contempla as seguintes localizacións: o Matadoiro, as Escolas, o Mercado, a praza da Constitución, a Escola de Secundaria, a Biblioteca e o Complexo Deportivo. En conxunto, estas instalacións permitirían unha xeración estimada de 718.000 kWh ao ano.

Para Cecilia Vázquez, o reto está claro: “Betanzos pode e debe ser un exemplo de transición enerxética xusta, sustentable e participativa”, sinalou, poñendo en valor o consenso acadado ao redor da moción e destacando o traballo técnico que avala a proposta.

⚙ Configurar cookies
0.1541690826416