O PP de Betanzos pide que se sigan as directrices de Europa en materia de vivendas turísticas

ACoruñaXa
No pasado pleno, o grupo municipal do PP instaba ao concello de Betanzos a iniciar o proceso de regulación deste tipo de negocios no municipio
Imaxe dunha vivenda turística
10 Out 2024

A voceira popular en Betanzos, Cecilia Vázquez, convida o goberno local a seguir dúas sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo nas que se avalou que as comunidades de propietarios prohiban por maioría de tres quintos os alugueiros turísticos e non por unanimidade como se interpretaba ata o de agora. No pasado pleno o grupo municipal do PP instaba ao concello de Betanzos a iniciar o proceso de regulación deste tipo de negocios no municipio.

Neste sentido, a iniciativa ten como fin garantir a protección do Patrimonio, salvagardando o patrimonio cultural e arquitectónico de Betanzos, evitando a saturación de determinadas zonas. O equilibrio veciñal para garantir a convivencia entre turistas e residentes, establecendo límites no número e localización destas vivendas.

Para o PP son tamén fundamentais as condicións de seguridade, así, o Concello debe asegurar que as vivendas de uso turístico cumpran coas normas de seguridade e sanitarias. Outros aspectos nos cales centran a súa argumentación o grupo municipal popular é no da promoción do turismo sostible, para o que é imprescindible fixar unha política dirixida a promover un modelo turístico beneficioso para a comunidade local, priorizando a calidade sobre a cantidade.

Así, para a portavoz popular “o concello debe de ver nas citadas sentenzas un estímulo para sacar adiante no menor tempo posible unha ordenanza destinada a equilibrar a existencia de vivendas turísticas no municipio cos dereitos dos demais”. “Un fin no que o goberno local atopará sempre o apoio incondicional do PP”.

0.18621587753296