O PP de Betanzos pide melloras urxentes na área de autocaravanas polo aumento de visitantes no verán

ACoruñaXa
Desde o PP insisten en que é fundamental manter en boas condicións as infraestruturas destinadas ao turismo
cecilia-pp-betanzos
8 Jul 2025

A voceira do Partido Popular de Betanzos, Cecilia Vázquez, vén de reclamar ao Goberno local que leve a cabo tarefas de mantemento na área de autocaravanas, situada entre o parque Pablo Iglesias e a estación de tren, ante o incremento de visitantes durante os meses de verán.

Vázquez advertiu da necesidade de podar unha árbore situada xunto ao punto de baleirado de augas residuais. Segundo explicou, as ramas do exemplar “están a tocar cos vehículos debido á súa altura”, o que podería provocar danos tanto nas autocaravanas como na propia árbore.

Ademais, a popular puxo o foco noutro problema que afecta á zona: “Na entrada da área hai varios buratos profundos que deben ser eliminados con urxencia”, sinalou. A este respecto, instou ao executivo municipal a actuar “rápido”, lembrando que “o verán é a época de maior número de visitas deste tipo de vehículos turísticos á nosa cidade”.

Desde o PP insisten en que é fundamental manter en boas condicións as infraestruturas destinadas ao turismo para ofrecer unha imaxe coidada da vila e favorecer o dinamismo económico que achegan os visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.1716480255127