O PP de Betanzos pide explicacións á alcaldesa "pola rebaixa á empresa de Nostián"

O Partido Popular de Betanzos reclama á alcaldesa aclaracións sobre a rebaixa de 2.900.000 euros acordada polo Consorcio das Mariñas en beneficio da empresa que xestiona a planta de tratamento de residuos de Nostián, na Coruña. Tal e como indica parte desa cantidade corresponde ao Concello de Betanzos, ao formar parte do Consorcio, encargado da recollida e traslado do lixo municipal ata Nostián.
A portavoz popular, Cecilia Vázquez, sinalou que é responsabilidade da alcaldesa, como vicepresidenta do Consorcio, explicar que parte deses case tres millóns de euros perdoa Betanzos e cantos euros lle corresponderían a cada veciño. Cuestións sobre as que xa preguntou no último pleno municipal.
Ademais, Vázquez denunciou que a planta de Nostián non cumpre coa normativa europea sobre tratamento de residuos urbanos e cuestionou que os residuos domésticos de Betanzos sexan xestionados nunha instalación irregular. Criticou que os veciños estean pagando unha xestión que, segundo afirmou, non se axusta á legalidade.
Outra das súas queixas que traslada é a ausencia do contedor marrón, destinado á recollida de residuos orgánicos, que xa debería estar instalado. Afirmou que, aínda que non está dispoñible, os veciños pagan como se o servizo estivese operativo. Tamén se referiu ás queixas pola mala xestión do servizo e o estado dos colectores, situación que atribúe á ineficacia do equipo de goberno.
No rural, sinalou que a recollida de lixo se realiza só dúas veces por semana, fronte aos seis días da zona urbana, a pesar de que os veciños pagan a mesma taxa. O PP leva meses reclamando unha solución para garantir un servizo máis equitativo. Vázquez indicou que se podería optar por aumentar a frecuencia ou reducir a taxa para os residentes das parroquias. Tamén criticou que se entregase unha elevada cantidade de diñeiro público sen que se coñecese en detalle o motivo.