O PP de Betanzos insta ao Goberno local a celebrar o Debate anual sobre o estado do municipio

ACoruñaXa
O Partido Popular busca reforzar a transparencia e a rendición de contas no ámbito municipal
cecilia-pp-betanzos
26 Feb 2025

O Partido Popular presenta unha moción na sesión plenaria ordinaria deste mes na que insta ao Concello de Betanzos a celebrar o Debate anual sobre o estado do municipio. Trátase dunha proposta que a formación popular xa formulou en repetidas ocasións, pero que ata o momento non foi convocada polo Goberno local.

O Debate anual sobre o estado do municipio, consideran, é un mecanismo recollido no Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Betanzos, que na súa Sección Cuarta aborda os medios de fiscalización do pleno sobre a actuación dos demais órganos de goberno.

Neste sentido, a portavoz popular, Cecilia Vázquez, defenderá a necesidade de celebrar o citado debate, subliñando que “se trata dunha ferramenta que facilita a lei para o control do goberno local co fin de garantir a acción política dos xestores municipais”.

Na moción preséntase que o Debate debe ser convocado nun prazo de dez días a partir da aprobación do acordo, e a súa celebración debería ter lugar ao longo do vindeiro mes de marzo. Con esta iniciativa, o Partido Popular busca reforzar a transparencia e a rendición de contas no ámbito municipal, permitindo un maior control da cidadanía e da corporación sobre a acción do executivo local.

⚙ Configurar cookies
0.15744304656982