O PP de Betanzos insta ao Concello a ampliar o horario da piscina municipal e propón que a entrada sexa libre
O PP de Betanzos insta ao Concello a ampliar o horario da piscina descuberta do Carregal e propón que a entrada sexa libre para os empadroados no municipio. Neste sentido, os populares insisten en que o horario de 15.00 a 20.00 horas é insuficiente para atender aos usuarios, xa que as persoas ocupadas en horario de tarde non poden facer uso das instalacións.
Varios usuarios trasladaron tamén ao PP o deficiente estado en que se atopa a piscina. Así sinalan que o pavimento ten baldosas levantadas, un banco dos vestiarios está inservible, as duchas exteriores rotas e con perda constante de auga. Outro dos problemas dáse na zona de herba, neste caso ao non coidar o céspede, proliferaron todo tipo de plantas e o simple segado realizado deixou talos que dificultan o camiñar e o descanso sobre as toallas.
Doutra banda, desde o PP tamén se insta ao Concello a restablecer este verán o servizo de bus á praia. “ Coa piscina cun horario só de tarde e sen bus á praia, moitos veciños ven moi limitadas as súas posibilidades de ter un lecer saudable” comentou Cecilia Vázquez.